1.2.1 A Lista de resultados
1.2.2 A Ficha desenvolvida
2.3 A valoración das denominacións
2.4 Obras alleas incluídas en bUSCatermos
bUSCatermos ofrécelle dúas modalidades de busca: a sinxela e a avanzada.
1. Busca sinxela
Rastrexa o texto que escriba no recadro de busca en todas as denominacións de todas as linguas rexistradas en bUSCatermos.
En principio, o sistema vai buscar palabras ou denominacións completas (busca por formas exactas). Se quere buscar unha cadea de caracteres en calquera parte dunha palabra ou dunha denominación (busca por formas non exactas) debe substituír cun asterisco (*) os caracteres que descoñece ou que desexa ignorar.
2. Busca avanzada
Permítelle decidir o campo sobre o que se vai aplicar a busca (a Denominación, a Definición, as Observacións, ou calquera combinación deles). E ademais, determinar o lugar do campo ou campos en que debe aparecer a cadea de caracteres que busca: ao comezo (Comeza por), ao final (Remata en) ou en calquera lugar (Contén).
E aínda pode restrinxir máis os resultados, filtrándoos por Lingua, por Tipo de palabra ou pola Valoración mínima que recibe a denominación.
E pode tamén combinar os filtros anteriores coa selección por Área temática, estruturada en dous niveis (xeral e detallado) para modular o grao de especificidade.
bUSCatermos procura os rexistros que cumpran as condicións que establecidas na súa busca e preséntaos en páxinas de 10 resultados identificados pola súa Denominación principal en galego.
Estes resultados ordénanse de dúas formas segundo o tipo de busca de que proceden, para axustarse o mellor posible ás súas expectativas:
? Se proceden dunha busca por formas exactas
Preséntanse primeiro as coincidencias exactas con esa busca en calquera das linguas, ordenadas segundo a Valoración. A continuación aparecen as que coinciden cunha palabra completa en calquera das linguas, ordenadas pola Denominación principal en galego.
? Se proceden dunha busca por formas non exactas
Preséntanse os resultados que coinciden en calquera lingua coa cadea buscada, ordenados alfabeticamente pola Denominación principal en galego. Cando dúas ou máis destas denominacións coinciden, ordénanse segundo a súa Valoración.
Para axudarlle a identificar o concepto que se describe en cada rexistro, á Denominación principal en galego engádeselle outra información, como a Valoración desa denominación, a Área ou Áreas temáticas e as Equivalencias en portugués, español e inglés, se constan na base de datos.
Pero normalmente, en bUSCatermos recollemos máis información sobre cada concepto. Para vela toda, debe acceder á Ficha desenvolvida, premendo sobre a Denominación principal en galego que queira estender.
Presenta toda a información dispoñible en bUSCatermos sobre un rexistro determinado, e organízaa en dous grandes bloques:
1. Información do concepto
Recolle datos relacionados co concepto e, xa que logo, válidos para calquera lingua, entre as que poden estar:
— Definición
— Área(s) temática(s) a que pode vincularse
— Denominacións internacionais (nome científico, símbolo, fórmula...) usables en calquera lingua
— Observacións de tipo conceptual
— Referencias externas a recursos que completan a información ofrecida sobre o concepto
2. Equivalencias
Presenta información específica para cada unha das linguas que se recollen en bUSCatermos.
Nun primeiro momento podemos ver o nome ou nomes que o concepto recibe en cada idioma, así como algunha información lingüística e de uso sobre eles. Esta última información preséntase de forma abreviada, pero ao pasar o rato sobre ela desprégase unha explicación.
Pero premendo sobre o código de idioma (GL, PT, ES...) accédese ao seguinte nivel de información, centrada exclusivamente en cada unha das linguas. Nel podemos atopar:
— unha definición nese idioma e a fonte en que se recolle
— observacións específicas para este idioma
— diferentes denominacións que neste idioma se empregan para referirse ao concepto que se describe no rexistro.
— información complementaria de cada unha das denominacións:
— información lingüística e de uso (tipo de palabra, xénero, número, algunhas marcas de uso...)
— valoración
— fonte ou fontes en que se documenta (con ligazón a ela se está dispoñible na Internet)
Evidentemente, o que aquí acabamos de presentar é a estrutura ideal de información; pero na gran maioría dos casos só vai aparecer algún destes elementos informativos. Isto é especialmente así no caso das linguas distintas do galego, pois os vocabularios e dicionarios que se compilan en bUSCatermos tenden a recoller moita máis información sobre esta lingua ca sobre as outras que neles aparecen.
Todo este conxunto de información non o entendemos como un produto acabado e pechado. Por iso, na parte superior dereita da ficha desenvolvida colocamos dúas opcións de actividade social: Compartir ficha, coa que se poden difundir rexistros completos usando a ligazón directa que aparece na ruta do navegador; e Opina, que busca recoller as súas valoracións sobre un rexistro concreto e sobre a información que compilamos e recomendamos en relación con el.
É unha base de datos de acceso libre a través de Internet que permite consultar un corpus terminolóxico multilingüe —aínda que centrado no léxico galego— de máis de 165.000 rexistros.
O seu obxectivo primeiro é recoller, organizar e difundir léxico técnico en lingua galega, pero contén tamén importantes volumes de terminoloxía en español, inglés e portugués, e cantidades menores de termos en francés, italiano, alemán e catalán.
Formouse a partir da compilación, análise e reelaboración de tres grandes tipos de materiais, todos co trazo común de teren o galego como lingua de referencia ou como idioma de traballo:
Ao formarse a través da acumulación de materiais diversos, bUSCatermos non pode entenderse como un proxecto completo nin rematado. O seu estado natural é a actualización practicamente continua, tanto para engadir novos dicionarios, vocabularios ou consultas como para reorganizar, completar e reelaborar materiais xa existentes.
Cada un dos conceptos recollidos adscríbese de maneira máis ou menos precisa a unha ou varias áreas de especialidade. Para iso, elaboramos unha clasificación propia, tomando como base e adaptando ás nosas necesidades clasificacións de tipo xeral (Clasificación Decimal Universal, Eurovoc ou o Tesauro da Unesco...), e outras elaboradas para proxectos semellantes a bUSCatermos (Termcat, Euskalterm ou IATE).
O resultado é unha clasificación temática multinivel, que no primeiro deles permite elixir entre 23 áreas de especialidade, pero que se desenvolve en diferentes niveis de profundidade (ata 8 nalgúns casos), e que en total inclúe máis de 900 subáreas.
Para a consulta en bUSCatermos ofrecemos unha versión simplificada desa estrutura, limitada aos dous primeiros niveis de profundidade:
A Matemáticas
B Ciencias físicas e do espazo
C Ciencias da terra
D Bioloxía
E Ciencias da saúde e veterinaria
F Agricultura, silvicultura e gandaría
G Pesca e acuicultura
H Informática, electrónica e electrotecnia
I Arquitectura, enxeñaría e construción
L Industria
M Vida doméstica. Alimentación. Hostalaría
N Transportes. Telecomunicacións
Ñ Dereito. Administración pública
O Economía. Empresa. Comercio
P Política. Socioloxía. Antropoloxía
Q Demografía. Xeografía. Historia
R Filosofía. Relixión
S Psicoloxía. Educación
T Filoloxía
U Ciencias da documentación e a comunicación
V Belas artes
X Deporte e lecer
Z Lingua xeral
Ao xuntarse en bUSCatermos material procedente de obras diversas non é raro que nel coexistan varios rexistros que describen un mesmo concepto. E incluso que neles se recomenden formas diferentes para nomealo.
Para orientar as decisións perante casos coma eses, as Denominacións principais en galego acompáñanse dunha marca de Valoración, que indica o grao de fiabilidade estimada que lle outorgamos no SNL, tendo en conta as características da obra en que se documentou. As outras denominacións nesta lingua levarán tamén a súa propia Valoración se esta é diferente da que recibe a Denominación principal.
Estas marcas utilizan como elemento gráfico as estrelas e permítennos clasificar os rexistros nos seguintes seis niveis de fiabilidade:
1. Formas normativas (5 estrelas)
Reciben esta cualificación as denominacións avaladas ou revisadas por entidades dotadas de autoridade normativa (Real Academia Galega ou Termigal).
2. Formas cuasinormativas (4 estrelas)
Denominacións recollidas en dicionarios ou vocabularios elaborados ou avalados por entidades que, sen seren normativas, posúen unha grande autoridade, quer a nivel xeral (Instituto da Lingua Galega), quer nunha área concreta de actividade (a Escola Galega de Administración Pública no ámbito xurídico-administrativo).
Tamén, formas procedentes de dicionarios de lingua e de enciclopedias de ampla difusión e grande influencia entre os usuarios do galego (Gran dicionario Xerais da lingua, Enciclopedia galega universal, Digalego.com ou Diciopedia do século XXI).
3. Formas consensuadas (3 estrelas)
Son denominacións avaladas pola recomendación de equipos interdisciplinarios, formados por lingüistas e especialistas da área a que pertence o concepto. Adoitan aparecer en dicionarios e vocabularios elaborados por estes equipos de profesionais, e en propostas terminolóxicas lanzadas desde grupos de debate, foros e roldas de internet.
4. Formas propostas (2 estrelas)
Reciben esta valoración as denominacións recollidas en obras elaboradas, quer por lingüistas quer por especialistas dunha área concreta, sen contar co apoio do outro colectivo. E tamén as formas documentadas en publicacións especializadas ou textos legais, as propostas ou avaladas por colexios profesionais e entidades semellantes, e as elaboradas e difundidas desde servizos lingüísticos (nomeadamente o da propia Universidade de Santiago de Compostela).
5. Formas en discusión (1 estrela)
Este nivel de valoración (que só vai aparecer ocasionalmente) asígnaselle a aqueles termos para os que aínda non se formulou unha proposta terminolóxica, ben porque as que se documentaron son provisionais, ou porque aínda non se rexistrou a súa presenza en textos en galego.
6. Formas desaconselladas (sen estrelas)
Reciben esta cualificación as denominacións que teñen un certo uso, pero que bUSCatermos recomenda evitar, usando no seu lugar algunha das outras que se propoñen para a mesma lingua.