Última modificación: 31 de outubro de 2018.

INTRODUCIÓN
Estes termos establecen o marco de condicións baixo o que a Universidade de Santiago de Compostela ofrece acceso a través de internet á realización dos trámites necesarios para utilizar os servizos deportivos que presta a través do Servizo de Deportes e que se publican nas páxinas web www.usc.gal/deportes e https://aplicacions.usc.es/deportes.

IDADE MÍNIMA E VERACIDADE DOS DATOS
A idade mínima para rexistrase neste sitio web é de 18 anos. As persoas menores desta idade deberán facelo sempre a través da conta do seu pai, nai ou titor/a legal. Unha vez cumpridos os 18 anos as contas destas persoas tuteladas desvincularanse automaticamente das dos seus titores e pasarán a operar de xeito completamente independente, nese momento recibirán uns códigos de autenticación propios.

As persoas usuarias responderán da veracidade e exactitude dos datos facilitados, tanto dos propios como dos das persoas menores tuteladas, sendo responsables de comunicar calquera modificación nos mesmos, quedando a USC exenta de responsabilidade a este respecto. A USC resérvase o dereito a excluír dos servizos ofertados a toda persoa usuaria que teña facilitado datos falsos, sen prexuízo das demais accións legais que procedan.

PROTECCIÓN DE DATOS
Os datos persoais recollidos serán incorporados e tratados no ficheiro "Usuarios de servizos da USC", cuxa finalidade é "a xestión de persoas físicas ás que a Universidade de Santiago de Compostela lles oferte os seus servizos non académicos, xestionar as actividades que oferta a estes usuarios e, se é o caso, facilitarlles información sobre servizos e actividades universitarias". De non opoñerse expresamente, os seus datos poderán cederse a entidades colaboradoras da USC, como a Fundación USC Deportiva, federacións deportivas ou outros organismos, para a participación en actividades deportivas.

O órgano responsable do ficheiro é a Vicerreitoría de Coordinación, Cultura e Servizos, e a dirección onde a/o interesada/o poderá exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición ante o mesmo é Colexio de San Xerome, Praza do Obradoiro, s/n, 15782 Santiago de Compostela, A Coruña; de todo o cal se informa en cumprimento do artigo 5 da Lei Orgánica 15/1999, de 13 de decembro, de Protección de Datos de Carácter Persoal.

Para modificar ou actualizar os seus datos persoais de contacto (teléfono, correo electrónico, enderezo postal) ou de acceso (clave) deberá acceder a súa conta e entrar en “Modificar Datos Contacto” ou en “Modificar Clave Acceso” do sitio https://aplicacions.usc.es/deportes.

Para cancelar a súa conta ou modificar o NIF/CIF, nome, apelidos, data de nacemento ou xénero deberá presentar, na Vicerreitoría de Comunicación, Cultura e Servizos, solicitude segundo os “formularios para o exercicio dos dereitos ARCO” dispoñibles neste sitio:
https://sede.usc.es/sede/publica/catalogo/procedemento/55/ver.htm.

PREZO E MODALIDADES DE PAGAMENTO
O prezo a pagar pola persoa usuaria será o que estea en vigor na data na que a persoa faga a inscrición ou a compra do servizo.

A Universidade de Santiago de Compostela resérvase o dereito de modificar os prezos en calquera momento, seguindo os seus procedementos establecidos, e sen outro requisito a maiores que o de indicar as ditas modificacións neste sitio web. Non obstante, estas modificacións non incidirán nas inscricións xa realizadas antes da entrada en vigor das ditas modificacións.

A USC ofrece as seguintes opcións de pagamento para as compras realizadas a través desta plataforma:
  - Tarxetas VISA e MasterCard.
  - Pago en efectivo, presentando as follas de pagamento correspondentes, nas oficinas de ABANCA.

POLÍTICAS DE CANCELACIÓN E DEVOLUCIÓN DE PREZOS
Nas reservas e nas entradas, así como nas fichas de luz e secador, non procederá devolución algunha, agás que sexa por causa imputable á USC e a persoa interesada rexeite facer uso delas outro día e/ou a outra hora.

A Universidade de Santiago de Compostela soamente devolverá os importes aboados:
  1.  Por causa imputable á USC.
  2.  Por baixa solicitada antes do inicio da actividade e por baixa solicitada nos sete (7) días hábiles seguintes ao inicio da actividade ou á data            do primeiro pago da matrícula, se é posterior; antes do último día hábil anterior a unha ruta ou roteiro de sendeirismo, agás que na            convocatoria se determine outro prazo: Devolución do 100% menos cinco (5) €. por gastos de tramitación, sempre e cando se poidan            repercutir.
  3.  Por baixa solicitada, exclusivamente, antes do inicio da actividade nos cursos de verán e nos cursos intensivos que se programen: Devolución            do 100% menos cinco (5) €. por gastos de tramitación, sempre e cando se poidan repercutir.
  4.  Por anulación de abonos de sendeirismo e de reservas, bonos ou pases temporais sen utilizar nos sete (7) días hábiles seguintes desde o            pago correspondente: Devolución do 100%.
  5.  Por baixa solicitada nos sete (7) días hábiles seguintes á data na que remata a inscrición de equipos nas ligas universitarias, sempre e cando            o equipo solicitante non acade o mínimo de xogadoras/es establecido: Devolución do 100%.
  6.  Por baixa debidamente xustificada* poderase devolver o importe dunha ruta/dun roteiro celebrada/o, sempre e cando non pasaran máis de            sete (7) días hábiles desde a ruta/o roteiro en cuestión, agás que na convocatoria se determine outro prazo: Devolución do 100%.
  7.  Por baixa debidamente xustificada* poderase devolver, en actividades e pases, o importe correspondente o período posterior a data de            solicitude de anulación e devolución. Para determinar dito importe non se considerarán fraccións de tempo inferiores a un (1) mes; nos            cursos de verán e nos cursos intensivos non se valorarán fraccións de tempo inferiores a quince (15) días e soamente poderá ser            reintegrado o 50% da contía ingresada.
  8.  En calquera outro caso con causa debidamente xustificada* poderase devolver o importe da parte non consumida que se solicite antes do            remate do curso deportivo. No caso dos abonos de sendeirismo terá que solicitarse antes do un (1) de xullo.
*Causas que dan dereito á devolución:
      a. Razóns académicas incompatibles e sobrevidas.
      b. Razóns laborais incompatibles e sobrevidas.
      c. Razóns de saúde incompatibles e sobrevidas, propias ou de familiares en 1º grao.

A solicitude e a documentación acreditativa presentarase a través da web https://aplicacions.usc.es/deportes, deberá autenticarse e acceder a súa conta (ou desde esta á da persoa que tutele) e premer no botón de Solicitude de Anulación e Devolución, a continuación deberá seleccionar a cota da que está a solicitar a devolución e premer en Ver+, despois deberá premer en Solicitar devolución e seguir as indicacións que aparecerán en pantalla (en caso necesario poderá facerse de xeito presencial nas oficinas do Servizo de Deportes de 9:00 a 14:00 horas).

Máis información na seguinte ligazón: www.usc.gal/deportes/normativas.

ACEPTACIÓN DOS TERMOS E CONDICIÓNS DE USO
Para poder utilizar os nosos servizos, deberá aceptar previamente estes Termos e Condicións de Uso. A Universidade de Santiago de Compostela entende que a aceptación destes Termos e Condicións de Uso constitúe tamén a aceptación por parte da persoa usuaria dos Regulamentos e Normativas do Servizo de Deportes da USC que lle sexan de aplicación.

CAMBIOS NOS TERMOS E CONDICIÓNS DE USO
A Universidade de Santiago de Compostela resérvase o dereito a realizar modificacións nos Termos e Condicións en calquera momento. Por tal motivo, vostede deberá revisar os Termos e Condicións regularmente para comprobar as ditas modificacións. A versión modificada dos Termos e Condicións será publicada en https://aplicacions.usc.es/deportes.
Campus de Santiago de Compostela | deporsec@usc.es | 881 81 50 71 / 15073 ||| Campus de Lugo | servizodeportes.lugo@usc.es | 9828 23584 |
Termos e condicións de uso